26.8.09

BENVIDAS/OS Ó NOSO CADERNO DE VIAXE 2009

a
Rosalía, Paulo, Ánxela, Iago, Carlos e Sabela ofrecémosvos desde este curruncho do ciberespazo o noso Diario de Viaxe a China.
a
Quero incluír nesta entrada un agradecemento moi especial a todos e todas os que nos acompañastes nestes días que serán, sen dúbida, inesquecibles para nós; agradecer os vosos comentarios sempre tan cariñosos e cargados de ánimo e ilusión, agradecer tamén a compañía dos e das que nos lestes desde o voso silencio e moitas grazas tamén a quen chegades cando a viaxe está “rematada” e nos acompañades desde esta outra perspectiva...

Graciñas de corazón e ata sempre!!!!


Sabela
a

25.8.09

Día 19 de agosto. Beijing-Helsinki-Madrid

a
Chegou o día de marchar! Como as mochilinhas xa quedaron preparadas de onte á noite, só fixo falta que nos amañásemos nós. Ás oito menos dez estabamos na saída do albergue coa documentación preparada e así foi como xa ás oito en punto subimos á furgoneta que nos levaría á T3 do Aeroporto Beijing Capital.

Vaia maneira de chover! A verdade é que tivemos moita sorte de que non chovese durante os días que estivemos por aquí, caeron unicamente unhas gotiñas o día que fomos á Gran Muralla e contáronnos que o día que nós chegamos si que houbo chuvias torrenciais coincidindo co tifón que entraba ese día pola costa, como non vai frío a xente leva bastante ben o tema das choivas ata o punto de arremangar os pantalóns e coller os zapatos na man para atravesar as pozas...

Pois ben, chegamos ó aeroporto a escasos minutos das nove e foi doado atopar os mostradores de facturación de Finnair. Aínda que os nosos billetes son de clase económica, debe ser por sermos tantos que varias veces nos convidaron a facturar no mostrador de primeira clase onde a cola é menor ou inexistente ;-) Lembrámonos nestes casos das salas de embarque “para familias” que vimos o ano pasado no aeroporto de Kobenhavn (Dinamarca).
a


Entretivémonos unha horiña máis polo aeroporto, cambiamos por euros os yuanes que nos quedaban e embarcamos con puntualidade nun enorme avión, asignáronnos os catro asentos do centro e dous a carón da ventá cun corredor polo medio; tamén no voo Helsinki-Madrid iremos xuntos como pretendiamos.
Despegamos puntuais ás 10:05 baixo unha chuvia impresionante e fomos pasando como puidemos as oito horas e media que nos levou percorrer os 6315 kms que separan Beijing de Helsinki: cadernos para colorear, láminas nas que colocar pegatinas, vídeos de películas, xogos interactivos incluso multixogador, comida, paseos ó baño e polo avión... a verdade é que se nos fixo moi levadeiro o traxecto a pesar da súa duración.

aaaaaaaaaaaa



O voo foi tranquilo a pesar de termos que abrochar os cintos en numerosas ocasións por turbulencias, a verdade é que se nos pasou o tempo “voando” (nunca mellor dito) con tantas cousiñas coas que enredar... A puntualidade foi inmellorable, tomamos terra no Aeroporto Helsinki Vantaa ás 14:25h. hora local, 19:25h en Beijing, tal e como estaba previsto.
Pasamos controis de aduana e novamente de pasaportes e entretivémonos un par de horas no aeroporto. Por fin puidemos mercar prensa española e conseguir conexión a internet gratuíta desde o noso pequeno netbook!!!

Ás 16:30h embarcamos de novo en Helsinki para saír ás 17:00h. con destino Madrid.



En tres horas e cincuenta minutos percorrimos os 2950 quilómetros que separan estas dúas capitais e chegamos así arredor das 20:00h a Barajas (21:00h en Finlandia).

Ós pequenos non se lles pode pedir máis, levaron a viaxe con ilusión, cansancio pero moi boa actitude; hai que pensar que estas 20:00 horas españolas son, para os nosos corpos, as 2:00 da madrugada ¿?

E aínda non rematou aí a viaxe pois, tras recoller as mochilinhas, tivemos que chamar ó hotel Osuna no que pasaremos esta noite e mais a seguinte e esperar que nos viñesen buscar... Acomodámonos entón nas habitacións ás dez da noite e saímos á cafetería a picar algo e despois pousámonos nas camas quedando automaticamente durmidos. Madia leva, foron vinte horas de viaxe!!!!

Volveremos a casa dentro de catro días, ata daquela imos "descansar" da viaxe: paseos, piscina, lectura, internet, praia...
Despedímonos, como non podía ser doutra maneira, cunha foto das nosas queridas mochilinhas nos seus últimos momentos da viaxe. Por certo, se vos parece que avultan máis que cando marchamos é polos bicos e apertas que vos traemos nelas e que non son poucos...

Ata sempre!

a

24.8.09

Día 18 de agosto. Zoo e Torres do Tambor e da Campá

a
Descansamos bastante ben, co único contratempo que supuxo a caída de Rosalía desde a súa liteira de arriba ás dúas da mañá, non se mancou pero asustouse e asustounos un pouquiño (e pensar que hai tres anos rompeu a clavícula caendo desde unha cama baixa...)
Levantámonos unhas horas despois, xa pasadas as nove, almorzamos e saímos camiñando. Paramos nun par de librerías próximas ó hutong no que está o albergue e despois collemos un taxi que nos levou ata o Zoo; vimos desde o coche unha parte de Beijing que ata o de agora descoñeciamos e formada por innumerables rañaceos e outras tremendas edificacións.

No Zoo estivemos ata as catro da tarde, visitamos os osos Panda, aves, monos, tigres, pingüíns... unha vez máis houbo moita xente que nos pediu fotografiarse con nós e houbo momentos en que nos sentimos tan observados como algúns dos outros animais que estaban en cautividade... En fin, gustariame ver as súas reportaxes do día que foron ó "zoo" ;-)
Nós tamén nos fixamos neles, no seu aspecto e costumes. Había moitas familias “co seu fillo” e algunhas outras con máis de un, soubemos que a lei que prohibe ás chinas ter máis dun fillo ou filla é de aplicación nas cidades porque é onde a poboación está envellentada, nos pobos seica teñen dous e ata tres. Outra cousa que nos chamou a atención estes días, e hoxe tamén, é a postura que adoptan moitas veces para descansar, agáchanse coma se sentasen sobre os talóns e así permanecen na parada do autobús, na rúa ou en calquera lugar durante un longo tempo...
a


a aaaaa aa

a

Fomos a unha zona do Zoo adicada ós nenos con atraccións e aí tamén nos chamou a atención, unha vez máis, que nos lugares onde hai que pagar entrada os nenos e nenas pagan, ou non, en función da súa estatura e non da idade ¿?, o tique gratuíto correspóndese cunha estatura inferior a 1,20m. e nalgúns lugares teñen marcada esa medida na parede. A que é curioso?





A iso das catro deixamos o “Beijing Zoo” para ir visitar as famosas Torres dos Tambores e da Campá e que están próximas ó Parque Beihai. Chegamos co tempo xusto para subir a empinadísima escaleira que nos levou á Torre dos Tambores e na que puidemos presenciar unha “performance” curta e que nos encantou. Que ben soaba aquelo...!
Baixamos desta e subimos outra empinada escalinata ata o punto máis alto da Torre da Campá, contemplámola e baixamos de novo para descansar na praza que hai entre as dúas torres.





Alí estivemos un bo pedazo xogando cun “trebello” que mercamos onte e co que vimos xogar en varias ocasións a grupiños de tres, catro ou cinco persoas, é unha especie de indiaka que se manexa cos pés; divertímonos moito e gastamos outras pouquiñas das forzas que aínda nos quedaban, é incrible todo o que o corpo é capaz de dar de si...



E de aí marchamos xa para o albergue en taxi pois ultimamente moitos acceden a levarnos ós seis nun único coche e así é, con diferenza, o medio de transporte que mellor nos sae de prezo.

Xa no albergue concretamos a saída de mañá, levaranos unha furgoneta ás 8:00h pois o avión sae ás 10:55h e non queremos ir a última hora para ver se somos quen de conseguir asentos próximos nos dous voos.

Ceamos e deixamos xa case todo recollido e as mochilinhas preparadas e dispostas a despedirse deste gran país tan diferente ó noso e cunhas dimensións, construcións e poboación que nos fan marchar gratamente impresionados.
Hoxe mesmo Rosalía dicía que lle gustaba China e que o pasara moi ben; Ánxela di que perdeu o reparo co que viña, gustoulle moito Beijing e máis aínda Pingyao; Paulo di que ha voltar cando sexa maior e Iago xa viña con moita ilusión e marcha satisfeito; Carlos e mais eu tamén o pasamos ben, aprendemos moitas cousas e convivimos os seis con intensidade (longas risas, preocupacións, complicidade, satisfaccións...) durante un par de semaniñas que nos viñeron moi ben. Como non!!!
E agora a descansar que mañá-pasado promete ser un día (ou dous) intensos e de moito cansancio.

Ata mañá!
a

Día 17 de agosto. Gran Muralla e Templo do Ceo.

a
Visitamos a Gran Muralla (Chang Cheng)!!!!!!

Comezamos o día moi cedo, ás 5:40 soou o despertador e erguémonos para facer a excursión á Gran Muralla China. Xuntámonos na porta do albergue cunha rapaza e levounos unha furgoneta a ela e mais a nós, a muralla ten unha lonxitude de 6430 quilometros con 10m de altura media e 5 de anchura; parece ser que nun principio eran moitas murallas pero alá polo século III a. C. o emperador Qin Shihuang mandou unilas convertíndoas nunha única e inmensa. O treito que nós percorrimos data do século VI, construiuse baixo a dinastía Ming e chámase Mutianyu, está situada 90 quilómetros ó norte de Beijing. Visitamos o lugar subindo nun impresionante teleférico ata a zona máis alta para despois camiñar por distintos treitos dela, case sempre subindo e baixando escaleiras. A néboa e unha fina chuvia fixeron que por momentos a visibilidade fose reducida pero, aínda así, resultounos tremendamente impresionante.

aaaaaaaa






Baixamos tamén en teleférico e regresamos ó albergue a escasos minutos das dúas da tarde, algo cansos pero tamén moi contentos coa experiencia realizada. Xantamos e apenas descansamos pois tiñamos tanto interese en visitar o Templo do Ceo (Tian Tan) como temor a atopalo pechado. Saímos ás 15:30 do hutong onde está o albergue ata unha avenida principal para alí coller un taxi que nos levase a ese impresionante lugar. Entramos pola zona sur e percorremos todo o recinto ata saír pola porta norte, contemplamos os incriblemente bonitos templos, construcións taoistas para ritos ceremoniais e prazas que constitúen o conxunto.Tivemos tempo tamén para descansar, practicando co lazo, nun enorme parque que hai dentro do recinto, mercamos un para seguir practicando en Muimenta.







Cando saímos aínda nos vimos con forzas para camiñar os escasos dous quilómetros que nos separaban do albergue. Chegamos e ceamos moi cansos e contentos de como discorreu o día de hoxe, abofé que foi completo...
De volta a “casa” atopamos un anuncio publicitario que non temos nin idea de a que se refería pero co que, non sei porqué, nos sentimos identificados ;-)



Démonos unha boa ducha en canto chegamos e ceamos para deitarnos arredor das once da noite con intención e ganas de descansar ben para levar, coa mesma ilusión e fortaleza ca hoxe, o día de mañá.

Boas noites!!
a

Día 16 de agosto. Xogos Olímpicos Beijing 2008

a
Que puntualidade! Ás 6:32h. baixabamos do tren na Estación Oeste de Beijing cunha nova avalancha de xente, centos, miles de persoas crúzanse nos anchísimos corredores cargados con bolsas e caixas de tódolos tamaños coma se se tratase de formiguiñas levando provisións para o seu formigueiro...

Conseguimos saír do edificio e camiñar na procura de bicicarros para desprazarnos ata o albergue pero non atopamos ningún, entón optamos por preguntar a un taxista que accedeu a levarnos ós seis no seu coche, puxo o taxímetro e cobrounos como é debido: unicamente os 22 yuans que indicaba a pantalliña... eses son os prezos de aquí, 2,20€ por un traxecto de 15 minutos.
Fixemos de novo a entrada no albergue e acomodámonos nunha habitación, esta vez de oito camas, para nós sós. Duchámonos e descansamos un pouquiño antes de marchar con intención de visitar as instalacións onde se desenvolveron os Xogos Olímpicos e Paralímpicos o ano pasado.

i

Visitamos as piscinas onde se celebraron competicións en distintas modalidades: natación, saltos, natación sincronizada... que preciosidade! E alucinamos cando vimos e conseguimos, despois de non poucas voltas, nadar na piscina olímpica. Foi toda unha experiencia e vimos uns costumes totalmente diferentes ós nosos, tivemos que sacar un tique, outro que era algo así como un certificado de saber nadar, pasar polo gabinete dunha sanitaria que nos auscultou e por fin acceder ós vestiarios cunha pulseira vermella, aclaro o tema da cor porque a cousa non quedou aí senón que nos fixeron un “exame de nadar” consistente en facer dous longos (100m). A Rosalía, pobriña, tívena que sacar cando ían 20m aproximadamente e abondo fixo, os seis “examinadores” que nos observaban indicábanlle que o fixera moi ben... os outros cinco, Paulo incluído, nadamos os cen metros que nos mandaron e conseguimos así que nos substituísen a pulseira vermella por outra de cor azul. Que curioso!!!
a



Saímos relaxados do baño pero tamén cansos e percorrimos un treito da zona olímpica parándonos nunha gran praza onde moita xente botaba papaventos a voar, xa viramos ese costume na Praza de Tiananmen e a moitas persoas vendendo papaventos coas mascotas dos Xogos Olímpicos por 50 céntimos de euro... Mercamos un par delas e pasamos un bo pedazo xogando co vento, canto nos prestou!



Voltamos para o albergue cando xa era noite e fixémolo en taxi igual que para a ida e por tan só 40 yuans (4€). Preparámonos daquela para cear e despois xa nos dispuxemos a descansar pois para mañá temos contratada co albergue unha excursión con intención de visitar a Gran Muralla China para o cal teremos que saír ás 6:30h. A ver como nos vai o madrugón despois de pasar a última noite no tren...
Intentaremos descansar o mellor posible para non só soportar o día de mañá senón tamén disfrutalo a tope.


Boas noites!
a