24.8.09

Día 13 de agosto. Beijing-Pingyao (北京 - 平遥)

a
Parabéns Iago!!! Tal día coma hoxe, hai catorce anos, naceu Iago; lembramos aquel día e a curiosidade de que nos enteramos da súa “existencia” en Chiloé (Chile) nunha viaxe que tamén resultou interesantísima e enriquecedora.
Parece que nos imos adaptando ó cambio horario e, sen dúbida, os malestares de barriga remitiron xa. Moito mellor así!

Levantámonos hoxe e recollemos a habitación, almorzamos e preparamos unha mochila e mais a dos documentos -que nos acompaña sempre- para levar ó lombo, despois acomodamos o resto das nosas pertenencias nas outras mochilas para deixalas na consigna do albergue xa que saímos esta tarde en tren para Pingyao e non temos previsto regresar ata o día 15.

Cargados entón con só dúas mochilas, saímos na procura de dous bicicarros que nos levasen á Estación Oeste de Beijing.



Durante o percorrido vimos outra parte da cidade que era descoñecida para nós e impresionáronnos unha vez máis as distancias que son descomunais... Descomunal é tamén a Estación, son espazos tremendamente grandes cheos de multitude de persoas que se desprazan coma formiguiñas dun lado a outro abríndose paso a base de empurróns... Todo está escrito en chinés, así que menos mal que fomos con tempo e cos billetes xa sacados e puidemos amosalos para preguntar pois, aínda así, ningún dos seis traballadores ós que acudimos soubo falar inglés.




Como nos levou tanto tempo dar coa sala de espera e tivemos que pasar varios controis, non nos animamos a saír como tiñamos previsto. Quedamos na Estación e pasamos perto de catro horas entretidísimas observando á xente e, sobretodo, sendo observados por eles; nalgures lin que o espazo vital dos chinos é un palmo menor que o noso e a partir de agora podemos dar fe de que efectivamente é así... Botamos longas partidas de cartas, fixemos fotos, exaltamos o “Bolo da casa con Nocilla” como alimento principal da nosa dieta e conversamos cun coronel chino interesado en aprender español e que se presentou cun libro de textos en español transcrito a chinés e pedíndonos que lle correxiramos a pronunciación, estivemos con el un bo pedazo ata que case perde o tren... era verdadeiramente pintoresco.





Comprendimos que os chinos non saben o que é gardar cola nin poñerse en fila así que en canto abriron as portas da sala para acceder ó andén, avanzamos como unha masa de centos de persoas cun calor sofocante e cheiros varios ata atravesar a porta que nos levaría ata o tren, o número 1163, isto era o único que eramos capaces de entender nos paneis, o número de tren e a hora de saída :(
Preguntamos nun vagón e indicáronnos outro no que unha revisora nos cambiou os nosos tiques por unhas tarxetas que indicaban cales eran as liteiras duras que nos correspondían, acomodámonos entón nun compartimento para seis persoas que vai aberto totalmente por diante, temos aire acondicionado e a verdade é que estamos cómodos e ilusionados coa aventura do tren.

aaaaaaa

No primeiro momento tiñamos moitas visitas, seguimos a ser toda unha atracción para eles, pero despois xa se foi calmando o ambiente e puidemos descansar. Antes de deitarnos fixemos uns novos bocatas de bolo da casa con Nocilla e con eles “brindamos” por Iago desexándolle moitos máis aniversarios moi felices. Lembramos, como non, cando cumpriu oito anos e nos tocou celebralo a bordo dun enorme barco que cubría o traxecto Kobenhavn-Oslo.

E desde o tren vimos anoitecer, pasamos a carón dunha réplica da Torre Eiffel, entretivémonos un pedazo e deitámonos a durmir pois o percorrido entre Beijing e Pingyao dura 12 horas aproximadamente e son 666 quilómetros así que activamos a alarma do móbil para as 6:00 e daquela supoñemos que xa non faltará moito para chegar á estación de Pingyao.

Ata mañá, moitos bicos desde a liteira...
a

0 comentários:

Postar um comentário

Cóntanos algo, anda...