Pois durmimos bastante ben nas liteiras duras e estivemos espertos xa desde as 5 da mañá observando a paisaxe exterior e tamén o ambiente do interior do tren que non deixa de ser do máis pintoresco. A eles chamarémoslles nós a atención pero a verdade é que eles a nós tamén nos dan que falar... Un pouquiño antes das 8 chegou o tren á estación de Pingyao, tiñamos algo de medo a pasarnos de parada pero non sería posible xa que uns minutos antes de chegar veu o revisor para devolvernos os tiques que, cando entraramos no vagón, nos cambiaran por tarxetas.
Cando chegamos á saída da estación fíxonos moita gracia atopar un “chinito” alzando un letreiro que poñía SABELA; a el nos diriximos moi contentos (se ve que recibiron perfectamente o correo de antonte á noite) e levounos ós seis nun bicicarro de dúas filas de asentos, que ben iamos! Que bonito é Pingyao!!!! Madia leva ser Patrimonio da Humanidade! Levounos a un albergue diferente ó noso onde unha parella moi amable e simpática nos ofreceu o almorzo que nos prestou un montón. Despois achegouse unha parella estranxeira tamén que resultaron ser de Porto ;) e xuntos nos organizamos para realizar, xa daquela mesmo, unha excursión de seis horas nunha furgoneta con chófer que nos levou a un par de sitios preciosos e interesantísimos: eran lugares de máis de mil anos de antigüidade pero que se atopaban conservados así como eran orixinariamente, a localidade chámase Zhang bi e está a unha hora de Pingyao, a verdade é que nos impresionou moitísimo. Foi moi agradable tamén compartir esas horas con Margarida e Manel.
De volta a Pingyao instalámonos no albergue, falamos con Bob xa que a el lle pedira desde Muimenta se podía encargarse de reservarnos os billetes de tren para regresar a Beijing mañá á noite, deixamos a mochila nunha das habitacións pois temos un dormitorio no que descansaremos Rosalía, Paulo, Ánxela e mais eu e outro que compartirán Iago e Carlos con outras dúas persoas.
Xa eran as cinco da tarde cando xantamos e saímos a pasear ata que anoiteceu. Demos aínda ben voltas admirando a beleza desta vila e o ben conservada que está.
Arredor das oito e media regresamos ó albergue, tomamos unha ducha que nos prestou un montón despois de tanto tempo e picamos algo antes de despedirnos para durmir perto das once da noite. As rapazas que atenden o albergue dannos un cadeliño... ai, de que boa gana o levariamos para Muimenta...
Encántanos esta cidade amurallada e mañá botaremos a camiñar por ella na procura de novos e interesantes currunchos. Deitámonos agora con esa intención e con moitas ganas de estar descansados para poder facelo...
Boas noites.
a
0 comentários:
Postar um comentário
Cóntanos algo, anda...